O Santiago  Futsal mídese este venres a  FC Barcelona  Lassa no Palau  Blaugrana (21.15 h,  Esport3) 
Unha vitoria supoñería o primeiro triunfo dos brancos nos once anos do club catalán en Primeira
Santi Valladares "No Palau imos meter todas as ocasións que teñamos. Non hai mal que 100 anos dure”


Vense outro difícil reto para o plantel do Santiago  Futsal na que será a 13ª xornada da LNFS. Tentar sacar algo positivo da complicada pista do Palau  Blaugrana antóllase unha xesta histórica para o equipo da capital galega, que non logrou sumar unha vitoria nas súas visitas ao feudo  blaugrana. A escuadra branca viaxará mañá a Barcelona sen renunciar a nada e coa ambición de quen pode lograr, por partida dobre; unha fazaña e, quizais máis importante, unha enorme inxección de moral.

O encontro entre  FC Barcelona e Santiago Futsal disputarase mañá venres ás 21.15h, un partido que será televisado en directo pola canle Esport3. O técnico branco, Santi Valladares falou do rival da décimo terceira xornada na rolda de prensa previa desta mañá "FC Barcelona  Lassa ten dous xogos diferentes: un cando está  Ferrao en pista e outro cando non está. Ferrao é un pivote de moitísima entidade e que dá xogo aos seus compañeiros. Sen Ferrao, teñen un xogo de catro con moita calidade de pase, xeran situacións de 1x1, etc. A iso súmase que contan cos dous porteiros máis determinantes da liga, con moita experiencia calquera dos dous. FC Barcelona Lassa teno todo, por algo vai de primeiro na clasificación e logrou o pase á Final Four”.

Con todo, Valladares amosouse optimista e comentou entre risas "Eu o que fago é darlle a volta ao xornal e véxome segundo na táboa e ao FC Barcelona Lassa penúltimo, por que non?”.

As opcións do conxunto branco para o encontro de mañá pasarán por "Non irnos do partido en ningún momento, porque os encontros no Palau fanse tremendamente longos, vaias por diante ou detrás no marcador. Temos que estar concentrados os 40 minutos e en determinados momentos facer que eles non estean a gusto na pista”. E engadíu "No Palau imos meter todas as ocasións que teñamos. Non hai mal que 100 anos dure e esta falta de puntería en situacións extremas do partido non pode durar”.

Pola súa banda, o xogador Álex Verdejo, que tamén asistíu esta mañá á rolda de prensa previa, falou da formulación do encontro de mañá para tentar sacar algo positivo "Temos que estar todos moi concentrados en defensa, pechar liñas para que non entren balóns e Ferrao  teña ocasións. A nosa obriga é chegar aos últimos minutos con opcións de puntuar, tentar que eles non se distancien no marcador”.

O catalán Álex  Verdejo, con pasado  blaugrana como xogador nas categorías inferiores do  FC Barcelona Lassa, comentou que o plantel ten que amosarse"tranquilo e non ter ansiedade”, xa que "estamos a traballar a finalización, e aínda que os partidos son outro mundo e poden ter moitos condicionantes, non podemos desesperarnos de cara a porta”.

Por último,  Verdejo manifestou sentirse "moi ben tanto fisicamente como animicamente” no Santiago  Futsal, e que só falta que "os resultados acompañen para que sexa máis gratificante para todos”.

O Santiago  Futsal visitará o Palau  Blaugrana por duodécima vez na historia do club catalán en Primeira División. Das once visitas anteriores, o conxunto santiagués cultivou dous empates (08/09 2-2 e 13/14 2-2) e nove derrotas. Mañá pode ser o día no que se escriba unha nova folla na historia dos encontros no Palau.

A expedición santiaguesa viaxará mañá pola mañá en avión cara a Barcelona. Contará coas baixas de David Palmas, Ismael e Gonzalo.

Outra información

O local hosteleiro patrocinador do Santiago Futsal, A Nave de Vidán, emitirá o encuentro entre FC Barcelona Lassa e Santiago Futsal en directo a partir das 21.15h. Todos os seguidores que queiran vivir o encontro no mellor ambiente de fútbol sala poderán reunirse en A Nave de Vidán para seguir o partido do Santiago Futsal e animar aos seus dende a distancia.