Os participantes gozarán de catro xornadas de fútbol sala dirixidas por monitores do club santiagués
Visitas de xogadores do primeiro equipo, talleres de manualidades, sesións tácticas de vídeo e exercicios de técnica individual son as actividades destacadas


Ao redor de 40 nenos de entre 4 e 13 anos déronse cita esta mañá no Pavillón de Fontiñas para iniciar o Campus de Nadal do Santiago  Futsal. Desde esta mesma mañá e ata o venres, os participantes gozarán de catro xornadas de  futsal, de 9 h a 14 h, nas que practicarán técnicas e métodos de adestramento de fútbol sala e perfeccionarán as súas habilidades  motrices; entre outras actividades. Todo iso baixo a dirección dos monitores do Santiago  Futsal.

Ademais das actividades na pista, os xogadores realizarán diversos talleres de manualidades e terán sesións tácticas de vídeo. Os xogadores do primeiro equipo tamén serán partícipes no Campus de Nadal do Santiago  Futsal, con visitas diarias de diferentes xogadores ao longo destes catro días.

Todos os ingredientes para gozar do mellor fútbol sala durante as vacacións de Nadal.

Noutra orde de cousas, o primeiro equipo do Santiago  Futsal reincorporarase esta tarde ás sesións de adestramento tras gozar de tres días libres debido ás festividades de Noiteboa e Nadal. O persoal exercitarase ata o venres pola mañá, e gozará de tres días de permiso pola celebración de Noitevella e Aninovo. O venres día 5 de Xaneiro retomará a competición ligueira e recibirá a Gran Canaria  FS no Multiusos Fontes  do Sar ás 20.45 h.