O canteirán do Santiago Futsal alenta a todos os afeccionados do fútbol sala para asistir ao último partido na casa esta temporada (Venres, 20.45h)
Reciben a Peñíscola RehabMedic ante o que queren deixar sentenciada a permanencia en Primeira


É o seu primeiro ano formando parte do plantel do Santiago Futsal, pero Diego Vázquez vive esta semana de forma especial, seguro de que poderán asinar a permanencia este venres ante Peñíscola RehabMedic "Estamos convencidos de sumar os 3 puntos”, afirma o canteirán con rotundidade. A escuadra branca xoga o seu partido máis importante da temporada este venres no feudo que os arroupou e acompañou cada xornada de xúbilo e de celebración; e do que queren facer unha verdadeira festa o venres ás 20.45h ante Peñíscola RehabMedic.

A competición regular entra na súa recta final, só dúas xornadas para a conclusión da Liga e a situación na zona media-baixa da táboa está moi apertada. Só tres puntos separan ao 11º, posición na que se atopa o Santiago Futsal, do 15º clasificado, Pescados Rubén Burela FS. Un total de cinco equipos (Santiago Futsal, Gran Canaria FS, Levante UD FS, Plásticos Romero Cartagena e P.Rubén Burela) pelexando por manterse unha temporada máis na mellor liga do mundo de fútbol sala. Ademais, con 6 puntos aínda en xogo, tampouco están definidas as posicións do Play Off nin o líder da categoría "A liga está moi igualada e calquera descoido pódeche penalizar”, comenta Diego Vázquez.

Pero o importante na ‘Casa Branca’ é gañar este venres e afastar as pantasmas do descenso; chegar á última xornada, a que os de Santiago disputarán ante Plásticos Romero Cartagena, salvados e dependendo de si mesmos "Queremos dedicar unha vitoria á nosa afección no último partido da temporada na casa e asinar a permanencia arroupados polos nosos”, explica o novo peche coruñés.

A tarefa non será fácil. Reciben a un Peñíscola RehabMedic que pelexa por ascender posicións de fronte ao Play Off, pero ao que os de Santiago non queren dar opción, como salienta o 5 santiagués "Peñíscola RehabMedic compite de gran maneira, e será un partido bonito de xogar. Pero mantendo a concentración defensiva durante todo o partido e seguindo co ritmo de xogo dos últimos partidos, conseguiremos a vitoria”.

Diego fai un chamamento á afección branca para o encontro do venres que agarda "sexa unha gran festa e un gran día para toda a familia do Santiago Futsal, no celebraremos a permanencia todos xuntos”.

O partido entre o Santiago Futsal e Peñíscola RehabMedic está patrocinado pola compañía móbil Tuenti, que ofrece uns prezos moi baixos nas entradas do devandito encontro. A de adulto ten un prezo de 5€ e a dos menores de 18 anos só 1€. Os abonados accederán de balde ensinando o seu carné na porta de acceso. As entradas están á venda nas oficinas do Santiago Futsal de luns a venres en horario de 10h a 14h. O despacho de billetes abrirá o día de partido ás 19.30h.