O Santiago  Futsal recibe este venres a Levante UD FS ás 18 h no Fontes  do Sar
Os asistentes que participen na recollida de alimentos terán un desconto de 5€ na entrada ao partido


A escuadra branca volve citarse ante a súa afección este venres no Fontes do Sar, para recibir a un dos conxuntos revelación da temporada: Levante UD FS. O encontro correspondente á 14ª xornada de Liga, adiantará o seu horario habitual ás 18h, ao coincidir a xornada de Liga coa festividade nacional da Inmaculada Concepción. 

O conxunto da capital galega retoma esta tarde as sesións de traballo tras o desprazamento do pasado venres a Barcelona. A escuadra que dirixe Santi Valladares pelexou con todo ante FC Barcelona no encontro da pasada xornada, ao que puxo contra as cordas co 2-1 no marcador. Con todo, un desafortunado saque de falta no 33’ supuxo o 3-1 para os  blaugranas; rompendo totalmente o encontro a favor dos locais. Agora o plantel branco céntrase no seu encontro deste venres ante o conxunto levantino, confiado de poder sumar a súa segunda vitoria da temporada na casa e acadar tres ansiados puntos tanto se resisten.

Para o encontro deste venres, o Santiago  Futsal realizará unha recollida de alimentos a favor do Banco de Alimentos de Galicia, participando un ano máis nas campañas solidarias que se realizan durante as presentes datas. O club únese así á "Gran Recollida 2017” na que tamén participa un dos principais colaboradores da entidade santiaguesa;  Viaqua. O club dispoñerá de diversos puntos de recollida no  hall do acceso ao pavillón, onde os asistentes ao encontro poderán depositar alimentos non perecedoiros (pastas, legumes, conservas, etc.). Os asistentes ao encontro que non sexan abonados do Santiago  Futsal e que entreguen algún tipo de alimento no punto de recollida terán un desconto de 5€ na entrada ao encontro. Os abonados accederán gratuitamente ensinando o carné de abonado na porta de acceso. 

Dende o club animamos a todos os asistentes a colaborar na Gran Recollida de Alimentos, que será destinada a familias galegas con necesidades.