O xogador de Vilalba renova o seu contrato co Santiago Futsal e seguirá un ano máis na formación branca
Ismael logrou consolidarse a temporada pasada no primeiro plantel


Ismael Vázquez Villares (24/07/1996) a pesar da súa mocidade (xogador máis novo do equipo e con ficha do filial), completará a súa segunda temporada ao completo co primeiro plantel do Santiago Futsal.

Hai dúas temporadas Ismael debutou coa plantilla branca en partido oficial da LNFS, dende ese momento ata o día de hoxe o técnico Santi Valladares móstrase satisfeito por contar co xogador nado en Vilalba "cada tempada foi mellorando e adaptándose ao nivel e intensidade de xogo da liga" aínda que tamén matiza que "este ano, como o resto de xogadores, ten que dar un pasiño ó fronte, conseguir esa regularidade no seu xogo ao longo de toda a temporada"

Tras un ano no cal disputou 14 partidos de liga regular, esta temporada Ismael espera "seguir mellorando e crecendo dentro do equipo para axudar a conseguir os obxectivos que nos propoñamos a principio da temporada".

Coa renovación do xogador internacional Sub-19 o plantel branco conta con nove caras confirmadas para a pretemporada o próximo mes de agosto.