Reciben o venres a Peñíscola RehabMedic ás 20,45h no Fontes do Sar
Os de Santiago atópanse tres puntos por enriba dos postos de descenso
Penúltimo partido de Liga e último encontro na casa na presente campaña


O último partido en casa da temporada para Santiago Futsal xógase mañá no Fontes do Sar. E chega con moita emoción, máis da que a escuadra branca asinaría fai unhas xornadas; xa que a zona-media da táboa apertouse de tal forma que os de Santiagon (11º, 27 puntos) non teñen asegurada a permanencia a falta de dúas xornadas para a conclusión da Liga Regular. Dependen de si mesmos, pero non queren fallar ante un Peñíscola RehabMedic ao que buscan dobregar e ofrecer así a sétima e última vitoria da temporada á súa afección.

O técnico do Santiago Futsal, Santi Valladares comentou en rolda de prensa a complexa situación que se creou ao redor das posicións baixas da táboa clasificatoria, algo que "viñamos anticipando toda a temporada”; "sabiamos que a permanencia ía estar apertada porque os equipos reforzáronse moi ben e o nivel subíu”. Pero o míster santiagués só quere centrarse neles mesmos "Nós temos un partido importante este venres para salvar a categoría. Xogamos na casa ante a nosa afección e é o único no que temos que pensar”.

Ademais, Valladares falou do alto nivel competitivo que vén amosando a escuadra branca nos últimos partidos "Estamos a xogar ben e  a evolución do equipo é clara, a pesares de que non cheguen os resultados porque os equipos aos que nos medimos eran moi importantes, como Jaén Paraíso Interior, Magna Gurpea ou FC Barcelona Lassa” e engadíu "Cometemos certos erros que nos condenaron demasiado, pero á marxe disto estamos francamente ben”.

De Peñíscola RehabMedic, que xa ten asegurada a sétima praza e que xogará o Play Off, resaltou que "é o equipo revelación esta temporada, cun plantel novo e ambicioso; que xoga rápido, vertical e cun fútbol sala moi atractivo”.

Valladares finalizou a rolda de prensa deixando claro que "O equipo sairá mañá á pista do Fontes do Sar a demostrar que somos un equipo de Primeira División, que é o único que nos interesa e é o obxectivo que queremos certificar e celebrar mañá”.

Á rolda de prensa desta mañá acudíu tamén o capitán da zaga santiaguesa, Hugo Sánchez que, en primeiro lugar, falou da necesidade de gañar mañá para estar tranquilos de fronte ao último partido de Liga "Levamos moito tempo querendo gañar para asinar a permanencia. Moitas xornadas pendentes dos resultados doutros equipos, de vitorias nosas que ao final non se deron… Agora precisamos gañar por nós mesmos, para estar tranquilos e non chegar á última xornada en Cartaxena coas tarefas sen facer e xogándonos algo os dous equipos”.

O veterano xogador do plantel branco, comentou a boa dinámica de xogo que vén amosando o equipo "Estamos a facer as cousas ben, con resultados curtos que nos favorecen, e cunha defensa e un ataque cada vez mellor. Aínda que nos últimos partidos faltounos puntuar porque eran rivais de altísima categoría, estamos a ir polo camiño adecuado” e concluíu "o equipo está moi enteiro e imos afrontar o partido de mañá ante Peñíscola RehabMedic coa intención de gañar desde o minuto 1 e asinar a permanencia canto antes”.

No encontro de ida, os de Valladares romperon todas as predicións ao remontar, no último minuto e medio de partido, un marcador en contra de 7-4 e igualalo 7-7. Os precedentes entre santiagueses e castellonencos en terras galegas son de dúas vitorias visitantes (1-5 13/14 e 1-3 15/16) e unha vitoria local (7-2 14/15).

Para o encontro de mañá, a escuadra santiaguesa conta coas baixas de David Palmas e Santiago Valladares.

Outra información

O encontro de mañá entre Santiago Futsal e Peñíscola RehabMedic está patrocinado pola compañía móbil Tuenti. Grazas a este patrocinio, as entradas para o encontro teñen prezos moi alcanzables; sendo de 5€ a entrada de Adulto e de 1€ a de menores de 18 anos. As entradas están á venda nas oficinas do Santiago Futsal en horario de 10h a 14h, e no despacho de billetes a partir das 19,30h. Os abonados accederán de balde amosando o carné na porta de acceso.

Antes de iniciar o encontro terá lugar o saque de honra, que realizarán dous ex traballadores do Multiusos Fontes do Sar que se xubilaron recentemente: Dolores Puga e Juan Mirás.

No descanso do encontro celebrarase o habitual sorteo de material deportivo do club, para o que se poderán adquirir as rifas no hall de acceso ao pavillón por un prezo de 1€ a rifa.