Viaxarán esta semana a Tudela para medirse ao Aspil Vidal Ribeira Navarra este sábado ás 18.30 h
Os de Santiago atópanse catro puntos por enriba dos postos de perigo 


O plantel santiagués reincorpórase esta tarde ás sesións de traballo tras cultivar a primeira vitoria do ano 2018, segunda do curso ligueiro. Tres importantes puntos ante un rival directo na loita pola permanencia, Gran Canaria FS, que se suman á conta dos brancos e que os levanta catro puntos por enriba da penúltima posición que ocupan os canarios e a seis do pechacancelas O Parrulo FS. 

O equipo que dirixe Santi Valladares enfrontarase á segunda cita do calendario ligueiro no novo ano este mesmo sábado no Cidade de Tudela. O partido ante Aspil Vidal Ribeira Navarra o sábado ás 18.30 h podería servir para referendar o excelente inicio de ano do conxunto branco. Posteriormente ao encontro da 19ª xornada de Liga deste fin de semana, terá lugar; a vindeira semana, a disputa da 20ª xornada da competición doméstica. Os de Santiago recibirán a Palma Futsal o martes 16 de Xaneiro no Multiusos Fontes do Sar ás 20.45 h, antes do parón ligueiro debido á celebración da fase final da Eurocopa 2018.