O conxunto da capital galega recibe ao líder da categoría e vixente campión da Copa de España (Venres, 20.45h)
O club agarda unha gran entrada debido ao alto ritmo de venda de entradas


O Multiusos Fontes do Sar vivirá mañá unha xornada de festa e de espectáculo para os amantes do fútbol sala. O Santiago Futsal recibe mañá a un Movistar Inter que vén de proclamarse campión da Copa de España por décima vez na súa historia. Os de Torrejón de Ardoz (1º) líderes da liga regular visitan a un Santiago Futsal (9º) que busca rachar unha serie negativa ante un rival ao que non gañan na casa dende o 2013.

O conxunto que dirixe Santi Valladares sabe da importancia de sumar tres puntos canto antes e aumentar así a distancia cos postos de perigo "Para nós ten moito valor este partido. Aínda nos falta salvar a categoría de maneira matemática e conseguir 3 puntos que nos dean unha tranquilidade absoluta de aquí a final de temporada” confesou o míster galego, facendo referencia tamén ao duro do calendario "Da igual que veña Movistar Inter ou FC Barcelona Lassa, ou que vaiamos á pista de Magna Gurpea ou Catgas Enerxía; son 3 puntos fundamentais e moi importantes para alcanzar esa meta dos 29 puntos co que poderiamos manter a categoría e chegar aos partidos finais sen presión”.

Valladares falou das características do seu rival de mañá, un dos mellores equipos do mundo que "teñen de todo no seu plantel”. "Nós non temos de todo, pero o que temos hai que aproveitalo ben. Non podemos ter medo á hora de atacar e debemos de estar moi sólidos en defensa” comentou o míster. 
"O de mañá será un partido especial. Agárdase unha gran entrada e os xogadores están en boas condicións. Será un partido de xogar a fútbol sala; de que nós esteamos afortunados e de competir con todo polos tres puntos” sentenciou o técnico do Santiago Futsal.

Pola súa banda, o xogador gaditano Juanjo Catela comentou "É un partido importante porque nós xogámonos conseguir o obxectivo fixado desde principio de temporada, que é non descender. Imos saír a por todo, e se competimos ao máximo poderemos facer algo positivo”. Ao que engadíu "Movistar Inter é un equipo que ten aos mellores xogadores, pero ante o que non se pode ter medo e non cometer erros que logo se paguen”. 

Para o encontro de mañá, o Santiago Futsal non poderá contar con Armando, polo contrato de cesión de Movistar Inter; e David Palmas, que segue co proceso de recuperación da rotura do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo dereito.

Outra información

As oficinas do Santiago Futsal estarán abertas en horario de mañá e tarde (10h-14h/16h-20h) ata o venres. O venres unicamente abrirán pola mañá. Pola tarde as entradas estarán á venda na taquilla do Multiusos a partir das 19.30h.

O encontro Santiago Futsal vs Movistar Inter será ‘Día do club’ polo que, tanto abonados como non abonados, terán que retirar a entrada previamente para acceder ao partido. O prezo das entradas para abonados maiores de idade será de 5€, mentres que os abonados menores de idade accederán gratuitamente. Os prezos para non abonados serán: 15€ adulto, 5€ xuvenil (14-17 anos) e 2€ infantil (menores de 14 anos).

No descanso do partido sortearase unha camiseta do xogador internacional do Movistar Inter ‘Ricardinho’ para o cal se poderán adquirir rifas polo prezo de 1€ no hall de entrada ao pavillón.

Tamén no descanso do encontro que reunirá a varios dos mellores  xogadores do mundo de fútbol sala, realizarase a presentación de toda a base do Santiago Futsal. Todos os xogadores que conforman a familia do ‘futsal da terra’ sairán á pista central do Multiusos Fontes do Sar, onde serán recibidos por un pavillón que, prevese,  recollerá unha magnífica entrada.