O encontro do pasado venres recolleu unha entrada de máis de 4500 persoas
É a cifra de asistencia máis elevada na traxectoria do Santiago Futsal en Primeira División
Éxito da promoción do partido para escolas deportivas de fútbol sala de toda Galicia


O ambiente e a imaxe do Fontes do Sar o pasado venres, no encontro do Santiago Futsal ante Movistar Inter, lembraba ao partido do pasado 20 de Febreiro do 2016 cando os de Santi Valladares recibiron a FC Barcelona Lassa na 21ª xornada da temporada 15/16; pero cunha diferenza: nesta ocasión, a asistencia de público foi aínda maior. A entrada rexistrada o venres no pavillón da capital galega, de aproximadamente 4700 persoas, foi a máis elevada dos 14 anos que o Santiago Futsal leva competindo na Primeira División.

Uns 4700 amantes do fútbol sala reuníronse no Multiusos Fontes do Sar o pasado venres para vivir o espectáculo do atractivo partido entre o Santiago Futsal e o Movistar Inter, vixente campión da Copa de España e líder da competición regular; que conta con algúns dos mellores xogadores do mundo nas súas filas como o astro portugués Ricardinho ou os internacionais españois Pola, Rivillos e Jesús Herrero. Unha excelente entrada e un gran ambiente nas bancadas, que foi resultado do gran traballo desenvolvido por todo o persoal do Santiago Futsal.

Ademais, por segunda temporada consecutiva, a promoción do partido entre todas as escolas deportiva de fútbol sala de Galicia foi todo un éxito. Un total de 60 clubs, chegados de todos os puntos da nosa autonomía, encheron de cor os asentos do Fontes do Sar; mostra do apoio ao noso deporte, que cada ano suma máis adeptos e que se consolida como un dos máis practicados en toda Galicia.

Desde o club, manifestamos o noso agradecemento aos servizos de seguridade e de ambulancias, así como ao persoal de mantemento e limpeza do Multiusos Fontes do Sar, cuxo traballo foi clave para o desenvolvemento do evento. 

E un especial agradecemento a todos os afeccionados do Santiago Futsal, que amosan o seu apoio constante ao persoal branco en cada xornada celebrada no Fontes do Sar.

No plano deportivo; o equipo volverá esta tarde aos adestramentos para preparar o encontro do venres en Santa Coloma ante Catgas Energía (20.45h, Pavellón Nou). Os de Santi Valladares (9º) mídense a domicilio ao 8º clasificado, un Catgas Energía que suma oito puntos máis que os brancos. Cunha distancia de dez puntos sobre os postos de descenso, o Santiago Futsal quere sumar canto antes os puntos necesarios para asinar a permanencia de maneira matemática. Tras o encontro en Santa Coloma, os brancos viaxarán a Navarra para medirse, o martes 28 ás 20h, a Magna Gurpea. O domingo 2 de Abril recibirán no Multiusos a FC Barcelona Lassa.