O conxunto branco recibe aos de Tudela este venres na cuarta xornada de Liga (20.45h, Fontes do Sar)
O plantel busca a reacción a un complicado arranque ligueiro no que non conseguiron estrear o seu marcador de puntos
Santi Valladares "Temos ganas de sumar os primeiros puntos pero non hai ansiedade ninguna”


O Santiago Futsal ten ante si outra oportunidade para sumar eses primeiros puntos do campionato ligueiro que tanto se lle resisten. Tras un arranque de Liga complexo para a escuadra galega; con enfrontamentos ante dous equipos potentes como CA Osasuna Magna e Movistar Inter, e un partido en Gran Canaria que se lles escapou sen contar con iso, recibirán a un Aspil Vidal Ribeira Navarra que chega despois de disputar dous encontros no últimos seis días. Competir ao máximo nivel e asinar a primeira vitoria da temporada, premisa para o encontro de mañá para o Santiago Futsal.

O míster Santi Valladares asegurou esta mañá na rolda de prensa previa ao encontro, que o equipo está a traballar a un gran nivel "esta foi a semana que o equipo mellor adestrou” e que a única mentalidade do grupo é sumar os tres puntos en xogo de mañá "quedamos moi amolados do encontro do domingo, pero non podemos volver atrás. Só pensamos en Aspil e ver como podemos facerlles dano para sumar os primeiros puntos”. O técnico apuntou tamén que "temos ganas de sumar, pero non hai ansiedade ningunha. A cuestión non é como se empeza senón como se termina”.

Aspil Vidal Ribeira Navarra, un rival que vén de xogar dous partidos en seis días; o pasado sábado ante Peñíscola, onde conseguiu a súa primeira vitoria (3-1) e este martes ante Movistar Inter (2-5). Valladares non cre que tanta carga de partidos páselles factura "Son un plantel con moita capacidade de traballo” e comentou que "Aspil virá a Santiago a medirse a nós; un rival que é, posiblemente, directo na táboa”. O míster agarda un partido "moi táctico; no que temos que saber ler en ataque e estar correctos en defensa” e engadíu  "Aínda que o partido se desordene e eles teñan o balón, non podemos desesperarnos,  porque Aspil é un equipo que manexa moi ben o balón, con moita mobilidade, e que o fai ante calquera rival”.

Por último, Santi restou importancia ao feito de ocupar un posto baixo na táboa nestes momentos "Estou tranquilo, a cuestión é seguir traballando ben, crer no que facemos e que o equipo siga crecendo. Queda moito por diante”.

O gardameta Víctor López acompañou ao adestrador santiagués na rolda de prensa previa desta mañá. Víctor quixo resaltar que o equipo "está tranquilo e traballando ben. Estamos unidos, loitando cada partido como o que máis”. O cancerbeiro talaverano engadíu "as circunstancias están a darse na nosa contra; coma se lanzásemos unha moeda ao aire e nos estivese a saír cruz en lugar de cara. Pero traballamos día a día para que esta situación cambie, e todo sexa cara”.

Do encontro de mañá, Víctor comentou "será un partido duro e moi táctico. Unha xogada de estratexia, unha falta, un saque de banda, etc, calquera pequeno detalle decidirá o partido. Por iso temos que estar moi concentrados; porque calquera fallo ou acerto pode ser determinante”.

Dos resultados nos últimos encontros entre santiagueses e tudelanos tamén se pode extraer a conclusión de que os pequenos detalles marcan a diferenza. Aínda que, do últimos catro encontros, os de Pato leváronse tres con marcadores moi axutados: 0-1 na temporada 14/15, 1-2 na 15/16 e 2-4 o curso pasado. A última vitoria local foi na temporada 2013/2014 por un avultado 6-2.

A convocatoria do Santiago Futsal farase oficial mañá pola mañá, para a que xa estará dispoñible David Palmas que conta coa alta médica. As únicas baixas fixas serán as de Gonzalo e Armando, que seguen recuperándose das súas respectivas molestias.

Outra información

O encontro da 4ª xornada de Liga entre Santiago Futsal e Aspil Vidal Ribeira Navarra disputarase mañá, venres 6 de Outubro, ás 20.45h no Multiusos Fontes do Sar. O acceso será gratuíto para os abonados do Santiago Futsal e para todos os nenos/nenas socios do Club de Celi das Cancelas.

O prezo das entradas para non abonados será de: 10€ Adulto, 5€ Xuvenil (14-17 anos) e 2€ Infantil (4-14 anos).

No hall de acceso ao pavillón poderanse adquirir rifas para o habitual sorteo do descanso de material deportivo do club. 

Apertura de portas ás 19.45h.