Visita a  Aspil Vidal Ribeira Navarra o sábado ás 18.30 h no Cidade de Tudela
O plantel branco quere tres puntos que lle permitan chegar ao parón de Liga con maior distancia sobre os postos de perigo
Santi Valladares "Se o facemos sinxelo minimizaremos erros e poderemos traernos algo positivo para casa”


Co parón da Liga Nacional de Fútbol Sala debido á celebración da Eurocopa, as xornadas 19ª e 20ª  da competición doméstica precipítanse sobre os equipos da liga. O Santiago  Futsal ten ante si dúas das xornadas máis complexas que disputará entre o sábado e o martes da vindeira semana, para despois dispoñer de cinco semanas de descanso na competición oficial. A primeira delas enfrontará ao conxunto santiagués ao 9ª clasificado,  Aspil Vidal Ribeira Navarra este sábado ás 18.30 h no Cidade de  Tudela. O martes, ás 20.45 h no Fontes  do Sar, recibirán a Palma  Futsal. Dous partidos clave para aumentar o colchón de puntos que os de Santiago (14ª) teñen sobre os postos de descenso (catro puntos sobre o penúltimo e seis sobre o pechacancelas).

O técnico santiagués Santi Valladares falou dos dous encontros que o plantel branco ten por diante que valora como "Encontros moi importantes, nos que teremos que repartir esforzos”, aínda que Valladares destacou a importancia moral que a vitoria do pasado venres en casa tivo sobre o plantel "Tiñamos que referendar o bo xogo que viñamos realizando cunha vitoria como a do outro día. Despois de gañar os 3 puntos ante Gran Canaria  FS imos a  Tudela coa autoestima alta e en disposición de traernos os 3 puntos”.

As claves do encontro de mañá no Cidade de  Tudela, pasarán por "facer todo máis sinxelo para minimizar erros e así poder traernos algo positivo para casa” afirmou o míster. Á súa vez, Valladares sabe que o Cidade de  Tudela é "unha caldeira, unha cancha complicada na que o público mete ao seu equipo no partido e onde só puntuaron os grandes”. Do estilo particular de xogo de Ribera Navarra, o técnico santiagués comentou "É un equipo que se define máis polo conxunto que polas individualidades e ao que Pato saca o máximo rendemento. Teñen moito o balón e a base diso desgastan ao contrario”. "Facendo as cousas como as temos que facer podemos traer algo positivo” concluíu Valladares.

O xogador Santiago Valladares, canteirán santiagués que acompañou ao técnico branco na conferencia de prensa desta mañá, falou das sensacións do persoal nesta semana de traballo tras a pasada vitoria "Con tres puntos máis na ‘ buchaca’ a semana afróntase igual pero con máis alegría. Eran tres puntos importantes, pero isto é unha carreira de fondo e aínda falta moito”. 

Santiago explicou que o plantel traballou "como atacar a defensa zonal e como defender o ataque  posicional de  Aspil Vidal Ribeira Navarra” pero o importante será "transferilo ao xogo da mellor maneira posible”.

Ademais do obxectivo de sumar a segunda vitoria consecutiva neste novo ano 2018, o conxunto da capital de Galicia terá outro obxectivo na mira: romper a estatística negativa de catro temporadas sen puntuar na pista de  Aspil Vidal Ribeira Navarra.

A expedición do Santiago  Futsal partiu esta mañá cara  Tudela tras concluír a rolda de prensa previa ao encontro con 12  xogadores do primeiro equipo. O equipo conta coas baixas de David Palmas, Everton e Gonzalo.