Os de Santi Valladares estréanse mañá ás 18h ante o equipo de Lugo da Terceira División Nacional
O mércores mediranse a Palma Futsal no Fontes do Sar no I Torneo Umbro


Termina a segunda semana de traballo para o Santiago Futsal e con ela chega o primeiro amigable do período preparatorio. O conxunto branco visitará mañá ao Ribeira de Piquín FS, equipo que milita na Terceira División Nacional, ás 18h no Pavillón Municipal de Meira (Lugo). Os de Santiago terán ante si o primeiro dos dez amigables dunha esixente pretemporada na que irán poñendo en marcha a engrenaxe da maquinaria santiaguesa. A expedición branca viaxará con todos os seus efectivos dispoñibles, un total de 17 xogadores aínda que só 12 disputarán o encontro.

Un dos pratos fortes desta pretemporada terá lugar o  mércores co partido presentación do Santiago Futsal. O I Torneo Umbro cita ao conxunto santiagués e a Palma Futsal ás 20,30h no Fontes do Sar. Un encontro de altos voos no que os de Valladares mediranse de ti a ti a un dos conxuntos punteiros da LNFS.

O prezo das entradas para o I Torneo Umbro é o seguinte:
Non abonados +18 anos: 5€
Non abonados -18 anos: 1€
Abonados/Socios/Base: De balde

O club dispoñerá unha mesa no hall de acceso ao pavillón para a tramitación de abonos o día do encontro desde as 19,30h. Apertura de portas ás 19.30h.