Cita clave ante Palma Futsal o mércores 16 ás 20.30h (Fontes do Sar)
Pechará a pretemporada o sábado 9 de Setembro no Barco de Valdeorras no 1º Memorial Jess Carreira


O pasado martes 1 de Agosto arrincaba a pretemporada para o equipo que dirixe Santi Valladares. Despois dunha semana de intenso traballo, con diversas sesións de traballo físico para conseguir chegar na mellor forma posible ao comezo ligueiro, o conxunto santiagués comezará o seu calendario de amigables este sábado 12 de Agosto en Meira. Un total de 10 encontros compoñen a axenda de pretemporada do Santiago Futsal durante o mes de Agosto e a primeira semana de Setembro, antes de visitar a CA Osasuna Magna o sábado 16 de Setembro na 1ª xornada da LNFS.

Este sábado 12 de Agosto a escuadra branca desprazarase a Meira (Lugo) para medirse ao Ribeira de Piquín FS ás 18h, no que será o partido inaugural da pretemporada santiaguesa. O mércores 16 chegará un dos pratos fortes da axenda santiaguesa: Palma Futsal. Os de Santiago recibirán ao conxunto insular no Multiusos Fontes do Sar ás 20.30h, nun encontro que servirá para medir forzas ante un dos conxuntos punteiros do campionato e que traerá de volta ao feudo santiagués a exjugadores brancos como Diego Quintela, David Pazos, Carlos Barrón ou Eloy Rojas.

Sen tempo para o descanso, os de Valladares viaxarán a Burela o venres 18 e o sábado 19 para disputar un dos torneos estrela do verán, o torneo ‘Burela Bonita’. O prestixioso torneo dos da Mariña, por segundo ano consecutivo, cita ao anfitrión Burela Pescados Rubén e aos conxuntos de Primeira Divisón: Movistar Inter, Palma Futsal e Santiago Futsal. A zamarra branca medirase ao conxunto lucense en semifinais o venres ás 19h e en función do resultado; xogará o sábado o encontro polo 3º ou 4º posto ás 19h, ou a final ás 21h, contra o gañador do Palma Futsal vs Movistar Inter do venres.

A continuación chegará unha semana de gran esixencia para os xogadores santiagueses, con tres citas en cinco días. O martes 22 mediranse á Selección de Turkmenistán aproveitando a estancia en Galicia do combinado oriental; o xoves 24 visitarán ao recentemente ascendido a Segunda División, Noia Portus Apostoli no feudo barbancés; e finalizarán a semana o sábado 26 cun encontro en Melide ante o equipo portugués Pinheirense FC.

O sábado 2 de Setembro desprazaranse a Vigo, onde compartirán pista con O Parrulo Ferrol, compañeiro galego dos santiagueses en Primeira División, e La Peña Talleres ABC de Vigo da Terceira División Nacional. Xa na última semana de pretemporada, os brancos xogarán ante Prone Lugo o xoves 7 de Setembro no Pino; e pecharán os amigables do período preparatorio o sábado 9 de Setembro ás 19.30h no Barco de Valdeorras (Ourense) coa súa participación no 1º Memorial Jess Carreira, organizado polo conxunto da 2ª División B O Barco de Valdeorras, en memoria do xogador ourensán falecido a pasada temporada.

Un total de 10 encontros amigables que servirán a xogadores e corpo técnico do Santiago Futsal para ir avanzando na súa preparación de fronte ao esixente arranque ligueiro o día 16 de Setembro.