A cita copeira de dezaseisavos de final celebrarase mañá no Municipal de Vista Alegre ás 20.30h (Burela)
Segundo dos tres partidos do Santiago Futsal en sete días
O venres disputarán a 5ª xornada da LNFS ante Palma Futsal (Son Moix, 20.30h)


Despois de dous días de merecido descanso, tras o partido tan completo que o Santiago Futsal asinou ante Aspil Vidal Ribeira Navarra (2-2), a escuadra branca regresou hoxe ao traballo coa mente posta na dobre cita desta semana. A primeira delas, a que terá lugar mañá ás 20.30h no Municipal de Vista Alegre (Burela),  enfrontará aos de Santi Valladares ao conxunto da Mariña lucense nun histórico derbi galego que definirá o clasificado para os oitavos de final da Copa de SM O Rei. A segunda; o venres en Palma de Mallorca, ante o conxunto balear no encontro correspondente á 5ª xornada da Liga Nacional de Fútbol Sala.  Semana completa, intensa e de grandes metas para o conxunto da capital galega.

O encontro dos 1/16 de final da Copa de SM O Rei revivirá o histórico derbi galego da LNFS: Pescados Rubén Burela FS vs Santiago Futsal. O conxunto laranxa, recentemente descendido á 2ª División, chega ao encontro de mañá tras sumar 3 de 4 vitorias nos catro partidos disputados da competición e ocupando unha meritoria segunda posición na táboa clasificatoria. Pola súa banda, os de Santi Valladares, asinaron o pasado venres o seu primeiro punto da temporada en Primeira, tras cultivar un traballado empate 2-2 ante Aspil Vidal Ribeira Navarra. Pero nos derbis galegos as cifras sempre quedan á marxe e o espectáculo está garantido. O equipo que gañe o encontro de mañá asegurarase unha praza nos oitavos de final do campionato nacional.

Tres días despois, a expedición santiaguesa poñerá rumbo ao arquipélago balear para medirse a domicilio ao Palma Futsal, na 5ª xornada da Liga Nacional de Fútbol Sala (Venres, 20.30h). 

Plan de traballo semanal:
Luns 9 Outubro
9.30h- Multiusos Fontes do Sar- Forza Comp + Porteiros
17h- Multiusos Fontes do Sar - Táctico
Martes 10 de Outubro
20.30h- Vista Alegre (Burela) 1/16 Copa do Rei
Pescados Rubén Burela FS vs Santiago Futsal
Mércores 11 de Outubro
11h- Multiusos Fontes do Sar- Rexenerativo
17h- Multiusos Fontes do Sar - Táctico
Xoves 12 de Outubro
17h- Multiusos Fontes do Sar- Táctico
Venres 13 de Outubro
20.30h- Son Moix (Palma de Mallorca) 5ª Xornada LNFS
Palma Futsal vs Santiago Futsal