•  O plantel incorpórase esta tarde ás sesións de traballo para preparar o choque do vindeiro venres día 5 ante Gran Canaria FS (20.45 h, Fontes do Sar) 
•  Os santiagueses queren sumar a primeira vitoria do ano que lles permita afastarse da zona de perigo 
•  Entrada de balde para menores de idade e só 5€ a entrada de Adulto 


O conxunto branco poñerá fin ao pequeno período de descanso, do que gozou debido á festividade de Noitevella e Ano Novo, esta mesma tarde cando se incorporará ás sesións de traballo. O plantel que dirixe Santi Valladares medirase este venres a un rival directo na loita pola permanencia, Gran Canaria FS que se atopa só un punto por baixo do equipo santiagués. O encontro, correspondente á 18ª xornada de Liga e primeiro do ano 2018, preséntase como vital para os intereses locais (Venres 20.45 h, Multiusos Fontes do Sar).

Para chegar en plena forma ao encontro do venres, o conxunto branco dispoñerá dun total de catro sesións de traballo. Unha delas, a de mañá mércores pola tarde, será un encontro amigable ante a Selección de Galicia Sub-19 h ás 17.30 h no pavillón de Santa Isabel. Devandito "partido-adestramento” será aberto para todas as persoas que queiran achegarse ao municipal de Santa Isabel sen custo algún de entrada. 

Xa que o encontro do vindeiro día 5 coincide coa visita das súas Maxestades os Reis Magos de Oriente a Santiago de Compostela, o Santiago Futsal escribíu unha carta ás súas Maxestades solicitándolles que todos os nenos e nenas santiagueses poidan asistir ao encontro tras finalizar a cabalgata de Reis. Por iso fixaron a entrada de balde para todos os menores de idade e a entrada para adultos a un prezo de 5€. Os abonados accederán de balde ensinando o seu carné na porta de acceso, do mesmo xeito que todos os nenos e nenas socios do Club de Celi de As Cancelas. 

Un dos partidos máis importantes para o conxunto santiagués nesta segunda volta, ante un rival directo na loita pola permanencia, e no que queren contar co apoio de todos os nenos e nenas santiagueses nunha das noites máis ilusionantes de todo o ano.