O encontro do vindeiro mércores 16 servirá de presentación oficial do Santiago Futsal ante a súa afección
Partido de altura entre os dous equipos UMBRO da Liga Nacional de Fútbol Sala
Entradas a 5€ e 1€. Abonados acceso de balde


A estrea do Santiago Futsal ante a súa afección está fixada para o vindeiro mércores día 16 ás 20.30h no Multiusos Fontes do Sar. O rival non será outro que Palma Futsal, un dos equipos máis en forma das últimas temporadas e claro candidato a todos os títulos do curso 17-18. O Santiago Futsal, inmerso no período preparatorio de pretemporada, reforzouse en todas as súas posicións e quere probar as pezas do seu prometedor quebracabezas para a vindeira temporada. O encontro do mércores, I Torneo Umbro, enfrontará aos dous únicos equipos da Liga Nacional de Fútbol Sala que visten a marca deportiva inglesa.

O Multiusos Fontes do Sar (20.30h) será escenario dun encontro de máximo nivel; Santiago Futsal e Palma Futsal medirán as súas forzas nun partido con sabor a competición oficial en plena pretemporada. Ocasión para recibir de novo aos guerreiros do futsal da terra: Hugo Sánchez, David Palmas, Santi, Catela, Antonio Diz, Álex Diz, Armando, Víctor López e Álex Velasco; tamén para ver sobre a pista ás novas incorporacións do equipo que dirixe Santi Valladares, Everton, Iago Barro e Álex Verdejo; ao xogadores do filial que traballan co primeiro equipo, Gonzalo e Brian; e aos dous xogadores a proba co conxunto santiagués, Zequi e Blai. Por outra banda, será o reencontro con vellos coñecidos do feudo compostelán: Diego Quintela, David Pazos, Carlos Barrón e Eloy Rojas, actualmente xogadores do Palma Futsal e outrora portadores do escudo santiagués. En resumo, un partido imperdible para os amantes do fútbol sala que queiran ir abrindo boca antes do prato forte do 22 de Setembro, cando os galegos reciban a Movistar Inter na 2ª xornada de Liga.

A entrada terá un custo de 5€ para os maiores de idade e de 1€ para os menores de 18 anos. Todas aquelas persoas maiores de idade que compren a súa entrada recibirán 5 participacións para o sorteo dun vale de 250€ de compra no Corte Inglés. As persoas que renovasen o seu abono para a temporada 17/18 accederán de balde. Ademais, o día do encontro o club dispoñerá unha mesa no hall do Multiusos para a tramitación de abonos.