O club instalará as pistas de fútbol sala no parque da Alameda e estarán dispoñibles para o seu uso durante toda a xornada do sábado
O fútbol sala será unha das 47 disciplinas presentes na I Festa do Deporte de Santiago de Compostela


A I Festa do Deporte chega á capital galega para que todos aqueles interesados poden gozar dunha gran xornada deportiva. Un total de 47 disciplinas deportivas, entre as que non podía faltar unha da que máis alegrías deu a Santiago de Compostela nos últimos anos, o fútbol sala; reunirán a pequenos e maiores durante toda a xornada do sábado. As pistas do Santiago Futsal estarán dispostas no parque da Alameda cun horario de 11h-13.30h e 16.30h-20.30h.

Durante a xornada do sábado pola mañá celebraranse diversos encontros entre os equipos benxamíns do Santiago Futsal, que estarán abertos a todos os nenos e nenas que queiran practicar este deporte de forma gratuíta. Pola tarde será quenda da sección feminina e dos conxuntos alevíns do club, sesións ás que tamén se poderán incorporar todos os interesados en practicar fútbol sala nas pistas instaladas.

O parque da Alameda será un dos catro puntos onde se desenvolverá a I Festa do Deporte onde, ademais de fútbol sala, poderase practicar capoeira, baloncesto e balonmán. Os outros tres enclaves serán: C.D Santa Isabel, Praza Roxa e Parque de Galeras.