O encontro da 10ª xornada de Liga enfrontará o venres a Santiago Futsal e a Ríos Renovables Zaragoza (20.45h, Fontes do Sar)
Os dous últimos encontros subiron a moral do plantel santiagués que quere seguir sumando para afastarse da zona baixa
Santi Valladares "Esta foi a mellor semana de adestramento desde que empezamos a pretemporada”


Santiago Futsal recibe a Ríos Renovables Zaragoza este venres no Fontes do Sar; feudo branco do que o plantel branco quere facer o seu fortín. A vitoria ante O Parrulo Ferrol o pasado mércores (6-4) e a remontada en Murcia ante ElPozo tras un 5-1 que acabou en 5-4, subiron a moral da escuadra que dirixe Santi Valladares. "Sucederon cousas, tanto no partido do venres en Murcia, como nesta semana de adestramentos; que foi a mellor desde que empezamos a pretemporada, que nos reforzaron moito como equipo” dixo o técnico en rolda de prensa. A proba de lume; mañá enfronte do conxunto maño, ante o que acadar unha vitoria presúmese fundamental na loita da zona baixa da táboa.

"Adestramos a un nivel altísimo e un grao de concentración máximo, nunha semana típica de adestramentos. Iso vainos facer crecer e, nos momentos complicados, gañar puntos e sacar os partidos adiante”, explicou Valladares en canto á evolución do equipo nestas últimas semanas. 

Ante eles, un rival Ríos Renovables Zaragoza (10º con 11 puntos) que chega ao Fontes do Sar en refacho positivo; despois de asinar un empate ante Levante UD FS (6-6) e unha vitoria ante Peñíscola RehabMedic no último minuto de partido (3-2). Valladares analizou á escuadra mañá "É un equipo moi traballado e veterano. Con xogadores que levan xogando xuntos desde hai moitos anos e que coñecen á perfección a competición. Caracterízanse por unha defensa zona que é única na competición”, pero o equipo santiagués "traballou moito como atacar esa defensa e tomar decisións ante iso. Nós imos saír polo partido desde o principio e en primeira liña seremos agresivos, apertando como ante calquera outro equipo”.

Valladares concluíu subliñando a importancia de sumar puntos no Fontes do Sar "Creo que estamos no momento de gañar eses 3 puntos e máis aquí en casa, que se nos fai moi necesario”.

O xogador madrileño Alejandro Velasco, que asina a súa segunda temporada ás ordes do míster santiagués, tamén asistiu á rolda de prensa previa ao encontro ante Ríos Renovables Zaragoza. Álex falou en primeiro lugar da mentalidade positiva de todo o plantel "Se podes meterlle catro goles a ElPozo na súa casa, podemos facelo ante calquera. A liña ascendente dese partido dános un plus de confianza para encarar o encontro de mañá” e engadíu "esta semana notouse un cambio de intensidade en canto a traballo, a mentalidade de equipo…”.

O á-peche de 26 anos foi claro en canto ás posibilidades do Santiago Futsal ante calquera rival "Nesta Liga non  podes dar nada por feito. Ata que soa a bucina ao final hai opcións, teñas enfronte o rival que teñas. Xa se víu ante Inter Movistar, Catgas Enerxía e o último ante ElPozo”.

En canto aos precedentes entre santiagueses e maños no Fontes do Sar, os números son favorables para a escuadra local, con partidos de moitos goles e máxima igualdade: 7 vitorias, dous empates e só unha derrota. Esta última foi na temporada 14/15 cun resultado de 4-5 con gol de Retamar sobre a bucina. O curso pasado, os de Santiago quedaron cos tres puntos grazas a un marcador favorable de 5 a 4. 

Santi Valladares conta coas baixas fixas de Gonzalo e Ismael, que seguen a recuperarse das súas respectivas doenzas. O último descarte realizarao o míster santiagués antes de iniciarse o encontro.

Outra información

O encontro entre Santiago Futsal e Ríos Renovables Zaragoza, correspondente á 10ª xornada de Liga celebrarase no Multiusos Fontes do Sar ás 20.45h. O acceso será de balde para abonados, ensinando o carné na porta de acceso ao pavillón. Os nenos/as socios/as do Club de Celi tamén accederán de maneira gratuíta.

O prezo das entradas para non abonados é de 10€ Adulto, 5€ Xuvenil (13-17 anos)e 2€ Infantil (4-13 anos). 

Poderase adquirir a Lotería de Nadal do club co número 15.523 a 5€ a participación. 

No descanso terá lugar o habitual sorteo de material deportivo do Santiago Futsal, para o que se poderán adquirir as rifas no hall do pavillón a un prezo de 1€.