O conxunto branco recibe a un dos equipos revelación do campionato este venres ás 18 h 
O club organiza unha Gran Recollida de Alimentos a favor do Banco de Alimentos de Galicia antes do encontro
Santi Valladares "Mantemos o mesmo discurso: o noso obxectivo é salvar a categoría e temos 17 partidos por diante para conseguilo”


O Santiago  Futsal regresa este venres ás 18 h ao seu feudo; o Multiusos Fontes  do Sar, para recibir a Levante UD FS; un dos equipos máis en forma do campionato. Dous equipos con obxectivos moi diferentes, para os que a vitoria se presenta como fundamental nas súas  loitas particulares. Os de Santi Valladares non queren deixar pasar a oportunidade de puntuar no último partido na casa da primeira volta e poder saír das últimas posicións. Pola súa banda, Levante UD  FS chega en busca da clasificación para a Copa de España. Unha cita especial, que se celebrará en plena festividade da Inmaculada Concepción e para a que o club organiza unha Gran Recollida de Alimentos, en colaboración con  Viaqua e o Banco de Alimentos de Galicia.

Na rolda de prensa previa ao encontro ao encontro, o míster Santi Valladares foi rotundo en canto á situación do equipo e recalcou que os obxectivo do equipo están intactos "Mantemos o mesmo discurso: o obxectivo é salvar a categoría. As sensacións son boas, os adestramentos son bos e estamos a xogar ben ante calquera rival; só queda convertelo en puntos. E iso temos que facelo mañá, o martes, etc.”. Santi engadíu "O obxectivo está ao alcance. Quedan dous partidos da primeira volta e toda a segunda; é dicir 17 partidos. Temos partido na casa que temos que sacar e os resultados chegarán.”

En canto ao rival de mañá, Levante UD FS situado na 9ª praza con 17 puntos a un do oitavo, Santi destacou a calidade dun plantel conformado para lograr grandes metas "Levante UD FS realizou moitas fichaxes, todas elas para alcanzar cotas altas. Vén aquí mañá buscando a súa clasificación para a Copa de España”. Do seu estilo de xogo, Valladares comentou que "teñen un xogo vistoso, con xente con 1x1 como Antoñito,  Cecilio ou  Tiaguinho. Teñen un equipo para divertir, fiel ao estilo do seu adestrador”.

Para o xogador da escuadra branca Armando, o encontro de mañá pasará por "realizar un partido moi serio en defensa e así competir os 40 minutos ante Levante UD FS”. O 24 do equipo santiagués, que cumpre a súa segunda temporada nas filas do conxunto galego, mostrouse confiado en que "traballando como o estamos facendo, as cousas van cambiar. Queremos conseguir eses tres puntos que nos fan falta”.

Armando subscribíu as palabras do seu técnico e afirmou que "non temos presión ningunha, quedan 17 partidos por diante para cambiar a situación e é o único no que temos que pensar”.

Tres precedentes nos Santiago  Futsal  vs Levante  UD  FS sitúan a balanza no punto medio cunha vitoria visitante 3-4 na temporada 14/15, unha local 3-2 na 15/16 e un único empate 3-3 na 16/17 cun gol de Hugo Sánchez sobre a bucina.

O conxunto branco contará coa baixa de Everton, quen se someteu no día de onte a probas médicas para determinar o alcance da lesión tras ter que retirarse do encontro o pasado venres en Barcelona. Pola súa banda, Gonzalo, Ismael e David Palmas, xa se incorporaron ás sesións de traballo co equipo. A convocatoria definitiva coñecerase tras finalizar o adestramento desta tarde.

Outra información

O Santiago  Futsal realizará unha recollida de alimentos a favor do Banco de Alimentos de Galicia, participando un ano máis nas campañas solidarias que se realizan durante as presentes datas. O club únese así á "Gran Recollida 2017” na que tamén participa un dos principais colaboradores da entidade santiaguesa;  Viaqua. O club dispoñerá de diversos puntos de recollida no  hall do acceso ao pavillón, onde os asistentes ao encontro poderán depositar alimentos non perecedoiros (pastas, legumes, conservas, etc.). Os asistentes ao encontro que non sexan abonados do Santiago  Futsal e que entreguen algún tipo de alimento no punto de recollida terán un desconto de 5€ na entrada ao encontro. Os abonados accederán gratuitamente ensinando o carné de abonado na porta de acceso.

Os nenos/ as socio/ as do Club de  Celi tamén accederán gratuitamente ensinando o seu carné de socio na porta de acceso.

Por outra banda, tamén estarán presentes membros do grupo de investigación e desenvolvemento Compostela Móvese do Grupo Cersia, presentando o seu proxecto "O  Forno dos  Soños” no que poderán participar todos os asistentes e entrar así en diversos sorteos.

Apertura de portas e despacho de billetes ás 17 h.