Abonados e non abonados terán que retirar a súa entrada previamente para o encontro ante o vixente campión de Copa de España e líder da Primeira División
As oficinas do Santiago Futsal abrirán en horario de mañá e tarde ante a gran demanda de entradas


Este venres visitará o Multiusos Fontes do Sar un dos mellores equipos do mundo do fútbol sala e que vén de proclamarse campión da Copa de España por décima vez na súa historia: Movistar Inter. Os madrileños mediranse á escuadra da capital galega nun partido que promete emoción e espectáculo, e que o Santiago Futsal declarou como día do club.

Abonados e non abonados do Santiago Futsal terán que retirar a súa entrada previamente para acceder ao partido. O prezo das entradas para abonados maiores de 18 anos será de 5€. Os abonados menores de idade accederán gratuitamente co seu carné. Para os non abonados o prezo das entradas será de: 15€ adulto, 5€ xuvenís (14-17 anos) e 2€ infantil (4-14 anos).

Grazas á promoción da compañía móbil colaboradora do Santiago Futsal, Tuenti; ao descargase e rexistrarse na súa aplicación móbil, todas as persoas que compran a súa entrada para o partido de maneira anticipada (ata o venres ao mediodía) terán un desconto de 5€ na súa entrada.

Ante a enorme demanda de entradas para o encontro ante Movistar Inter deste venres (Multiusos Fontes do Sar, 20.45h) as oficinas do Santiago Futsal, ademais do horario habitual de mañá (10h-14h) abrirán tamén polas tardes en horario de 16h a 20h.

Por outra banda, no descanso do encontro que reunirá a varios dos mellores  xogadores do mundo de fútbol sala, realizarase a presentación de toda a base do Santiago Futsal. Todos os xogadores que conforman a familia do ‘futsal da terra’ sairán á pista central do Multiusos Fontes do Sar, onde serán recibidos por un pavillón que, prevese,  recollerá unha magnífica entrada.