Esta mañá tivo lugar a presentación oficial do porteiro brasileiro como novo xogador do Santiago Futsal 
O local da zona nova de Santiago Central Perk acolleu a presentación de Thiago Soares e a previa do encontro de mañá ante Gran Canaria FS 
Santi Valladares "Temos claro o que temos que facer, e se o facemos dará igual o rival que estea diante”


 O Santiago Futsal celebrou esta mañá unha dobre rolda de prensa con motivo da presentación de Thiago Soares como novo porteiro do Santiago Futsal, e para realizar a previa do encontro que os santiagueses disputarán mañá ás 20.45 h no Multiusos Fontes do Sar ante Gran Canaria FS; precisamente ex equipo do porteiro brasileiro que se incorporou ás filas brancas. A convocatoria tivo lugar no local hostaleiro da zona nova de Santiago de Compostela Central Perk, onde tamén estiveron presentes os representantes do patrocinador principal do Santiago Futsal; todo-apuestas.es . 

O presidente do Santiago Futsal, Ramón García presentou a Thiago como "un porteiro con grandes condicións e que xa conta con experiencia na nosa Liga, o que fará crecer a calidade do equipo”. Pola súa banda, Martín Villamil; fundador e director xeral de todo-apostas.es amosouse "seguro de que Thiago será un gardameta que realizará ben o seu traballo e con quen os resultados mellorarán”.

Thiago Soares, de 28 anos, reforzará a portería santiaguesa o que resta de temporada 17-18, na que portará o dorsal número 2 nas súas costas. O brasileiro manifestou a alegría da súa fichaxe pola entidade branca nas súas primeiras declaracións como xogador do Santiago Futsal: "É un pracer vestir esta camiseta, a dun club que ten un respecto moi grande en España e cuxa historia lle apoia. Estou moi contento e con moitas ganas de comezar a axudar ao equipo para acdaar os obxectivos marcados esta temporada; o primeiro deles conquistar a permanencia canto antes”. 
O xogador tamén comentou que as referencias que tiña do Santiago Futsal eran moi positivas, o que axudou a que a súa fichaxe se fixera posible: "Teño amigos brasileiros como Alemao e Betao que me falaron moi ben do Santiago Futsal. A estrutura e a personalidade do equipo gústame moito e creo que é o equipo para dar un pasito máis na miña carreira despois de estar dous anos na Liga Española”.

Thiago debutará mañá co Santiago Futsal ante o seu ex equipo, un Gran Canaria FS do que o porteiro dixo "Será un partido especial, pero eu agora son xogador do Santiago Futsal e vou loitar ata o final por este equipo. Sería importante empezar o ano cunha vitoria que nos dese confianza para seguir sumando puntos de fronte ao obxectivo da permanencia”. 

O adestrador do Santiago Futsal, Santi Valladares tamén falou en rolda de prensa analizando o encontro de mañá ante o conxunto canario; situado na penúltima posición da táboa só un punto por baixo do equipo branco, "O de mañá seguramente sexa un encontro moi trabado, moi incómodo e pouco vistoso. Un encontro moi complicado, o máis complicado para nós no momento no que se dá. Ademais, se a Gran Canaria FS chéganlle os papeis dos novos xogadores que fichou, non teremos ningún coñecemento do seu persoal... Pero temos claro o que temos que facer, e se o facemos dará igual o rival que estea diante”. 

O míster do equipo branco fixo un chamamento aos afeccionados do equipo santiagués para que asistan ao encontro tras a celebración da Cabalgata de Reis e "veñan animar e a axudar ao equipo porque será un partido moi complicado e necesitámolos”. 

A vitoria de mañá, no primeiro partido do ano 2018 do Santiago Futsal, serviría para "coller aire, soltarnos un pouco máis e coller confianza para o que queda de temporada”, afirma Santi Valladares. 

Para o encontro de mañá, o conxunto local contará coas baixas de David Palmas e Everton por problemas físicos. O resto do plantel estará a disposición do míster santiagués, á que se suma o canteirán Gonzalo tras superar a lesión que non lle permitiu debutar aínda en Liga esta temporda. Mañá coñecerase a convocatoria definitiva. 

Outra información 
O encontro entre Santiago Futsal e Gran Canaria FS correspondente á 18ª xornada de Liga celebrarase mañá venres ás 20.45 h no Multiusos Fontes do Sar. 
O acceso será de balde para os menores de idade e a entrada de Adulto terá un prezo de 5€. Os abonados accederán de balde ensinando o seu carné na porta de acceso, do mesmo xeito que os nenos e nenas socios do Club de Celi de As Cancelas. Apertura de despachos de billetes e portas ás 20 h.